Monday 20 de May de 2024

O Concello amplía a frota de vehículos do servizo municipal BiciCoruña coa incorporación de 92 novas bicicletas eléctricas


As unidades recén adquiridas sairán á rúa nos vindeiros días, unha vez que se completen os traballos para a súa carga e actualización de software, pasos necesarios para que estean operativas

BiciCoruña conta, actualmente, con 47 estacións e máis de 11.000 persoas usuarias, case catro veces máis que en xullo do ano pasado, cando o Goberno de Inés Rey completou a renovación do servizo

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá o inicio dos traballos para a posta en servizo das novas 92 bicicletas eléctricas que amplían a frota de vehículos do servizo municipal BiciCoruña, sumándose ás 514 unidades xa incorporadas polo Goberno municipal no último ano e incrementando así a máis de 600 as unidades (tanto eléctricas como mecánicas) que estarán dispoñibles para as persoas usuarias. Rey estivo acompañada por Nereida Canosa, concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas.

As novas bicicletas, que actualmente están configurándose nas dependencias do servizo municipal de Infraestruturas na Agrela, sairán á rúa nos vindeiros días, unha vez que se complete o seu proceso de carga e actualización de software. Para isto, recalcou a alcaldesa, “reforzamos o persoal para o traballo de mantemento e posta en servizo das bicicletas durante esta semana”.

Coa incorporación destas 92 novas bicicletas, subliñou Inés Rey, “equilíbrase a balanza na ratio de vehículos para que a cidadanía dispoña sempre de máis bicicletas eléctricas ca mecánicas, cun 60% das primeiras e un 40% das segundas”. Actualmente, o índice de usos diarios das bicicletas eléctricas case triplica o índice referente ás mecánicas.

Ao igual que o resto de vehículos xa dispoñibles, as novas bicicletas repartiranse entre as 47 estacións xa existentes entre os barrios da Coruña. A rexedora lembrou, a este respecto, que “a día de hoxe hai máis do dobre de bases que hai un ano, cando se renovou o servizo e eran 23 as estacións”.

Neste sentido, o obxectivo do Goberno de Inés Rey é que nos vindeiros meses se amplíe o número de estacións operativas a un total de 55, tal e como se estableceu no plan de expansión posto en marcha o pasado verán. Desta forma as próximas oito estacións en instalarse estarán localizadas na contorna da praia de Oza, o acceso ao CHUAC desde a avenida da Lamadosa, o barrio das Flores, o polígono de Pocomaco, o campus de Oza, o campus da Zapateira e outras dúas no campus de Elviña.

A alcaldesa apuntou, ademais, que a seguinte meta é ampliar esta rede de estacións ata un total de 90 en todos os barrios da Coruña, grazas aos fondos Next Generation acadados polo Concello en abril deste ano, que tamén posibilitarán a adquisición de máis bicicletas eléctricas cun novo contrato de subministración.

BiciCoruña supera, por primeira vez na súa historia, as 10.000 persoas usuarias Actualmente, o servizo municipal BiciCoruña conta con 11.495 persoas usuarias activas.
Son os datos obtidos pola EMVSA a mediados deste mes, coincidindo co aniversario da renovación do sistema.

A este respecto, é a primeira vez que BiciCoruña supera as 10.000 persoas usuarias desde a posta en marcha do servizo, hai máis dunha década. Inés Rey subliñou que, o 12 de xuño do ano pasado, cando se acometeu a renovación do sistema, había 3.058 persoas usuarias rexistradas, un 74% da cifra actual.

Neste sentido, e tras completarse a actualización de BiciCoruña en xullo de 2022, o servizo foi batendo récords históricos en termos de usos mensuais e, en consecuencia, tamén no cómputo anual. No que vai de 2023 xa se contabilizaron 578.626 usos —dos que 126.101 correspóndense ao mes de xuño—, superando ampliamente o pico histórico previo, alusivo ao exercicio 2022, cando se acadaron 329.492 usos —incluíndo a fase previa á renovación e tamén a posrenovación—. O precedente anterior remóntase ao ano 2017, con 210.963 usos.

Chamamento ao uso correcto do servizo

Por outra banda, a alcaldesa fixo fincapé na importancia de “utilizar correctamente o servizo”, e fixo un chamamento ás persoas usuarias para “cumprir a normativa que asume toda e todo usuario de BiciCoruña ao darse de alta, xa que de non facelo poderase aplicar unha suspensión ás persoas infractoras, así como tamén penalizacións”.

No tocante a este asunto, Inés Rey avanzou que “para garantir un mellor comportamento das persoas usuarias, especialmente das máis novas, que non contan con coñecementos de seguridade vial, estamos traballando para poñer en marcha un plan de formación nos centros de ensino que axude ás e aos usuarios a facer un uso correcto das bicicletas”.